cabecera cuadrada

Currículo

 

A Coral Polifónica Estradense nace no ano 1996 baixo a dirección de Xabier Comesanha Pereira e fai a súa presentación en xullo do 97. A partir desa data comeza a ofrecer concertos por toda a xeografía galega destacando pola súa progresión técnica e a variedade do seu repertorio.

Hai que resaltar a participación en programas da radio e televisión galegas, actuando recentemente nun programa especial da TVG, adicado a Juan Pardo. Tamén foi seleccionada a participar en varias edicións do programa “Galicia Cantat” organizado polo IGAEM.

Colabora co “Xacobeo 2004” ofrecendo varios concertos no veciño Portugal; actúa no Pazo da UNESCO, en París con motivo dun encontro internacional de canto coral. Realiza unha xira por Europa actuando en Xenebra e participando tamén nun festival coral en Praga, compartindo escenario con corais alemanas, italianas, irlandesas, suízas, checas e francesas.  Con motivo do centenario da estrea do himno galego, viaxa a La Habana e actúa no Centro Galego e en diversas asociacións galegas e institucións cubanas.

En lembranza desta visita, Xabier Comesanha compón unha habanera en galego “Cen anos hai” con letra de Xosé María Lema, compoñente da coral.

A actividade musical da Coral Polifónica Estradense non se reduce aos concertos “a capela”. Co acompañamento da Coral Polifónica de Soutomaior e a Banda de Música Municipal da Estrada, agrupacións dirixidas polo mesmo director, ofrece periódicos espectáculos de ópera e zarzuela.

Na actualidade conta con 35 compoñentes.