cabecera cuadrada

Preámbulo

(Facendo clic nos enlaces -palabras en azul- aparecen arquivos gráficos)

Antes de empezar a conta-la historia da Coral Polifónica Estradense, convén facer referencia e analizar algúns feitos e acontecementos que dalgunha maneira, directa ou indirectamente e, desde o punto de vista do que escribe, tiveron algo que ver co rexurdimento desta actividade, pois a Coral Polifónica Estradense non naceu por xeración espontánea: tivo, como todo, as súas raíces e orixes.

Non cabe a menor dúbida de que na Estrada había o caldo de cultivo propicio para que agromara esta idea. Nese caldo había xa a semente deixada pola antiga Masa Coral Estradense, como o demostra que algúns compoñentes reengancharon na actual.

Esta debe considerarse a primeira causa do rexurdimento da agrupación. Pode asegurarse que materia prima había dabondo. Faltaba, quizais, alguén que pulara e dera forma a esa idea aletargada e latente no ánimo dos estradenses.

O primeiro en tentalo, alá polo 86, foi o alcalde Manuel Reimóndez Portela. Pero esa masa non chegou a fermentar e durou escasamente un ano. Dirixíaa Pelayo Redondo, profesor do Conservatorio. Este novo coro, pois non podía considerarse Coral polo pequeno número de compoñentes (unha ducia), foi quen estreou o Himno da Estrada o 17 de maio do 87 na Alameda Municipal, acompañado da Banda Municipal da Estrada, daquela dirixida por Eulogio López Masid. En novembro, ese gromo de Masa Coral autodisolveuse.

Tivo que pasar arredor dunha década para tornar a ter noticias desta actividade. Durante este intervalo de tempo houbo cambios na política e na estrutura musical tanto do Conservatorio como da Banda Municipal, feito que tivo moito que ver para que, ao cabo destes dez anos, chegara a ser realidade a reconstrución da Masa Coral.

Aínda así non foi nada fácil: primeiro tentouno Miguel Carbajal, despois o novo director da Banda Municipal e do Conservatorio, Xabier Comesanha e finalmente, alá pola primavera do 96, nunha Feira-Mostra sobre Música, que se celebraba no Pazo de Exposicións e despois dunha actuación da Banda Municipal de Música da Estrada e a Coral de Soutomaior, dirixidas ambas por Xabier Comesahna, o alcalde, Ramón Campos propúxolle a creación dunha Coral.

Comezou, entonces, a fraguarse a idea de converter en realidade aquel soño de anos atrás e, no mes de maio do 96, fíxose un chamamento por medio da prensa local, para formar unha coral. Este chamamento tivo unha masiva resposta e, despois de dúas reunións no Salón de Plenos , unhas sesenta persoas adquiriron o compromiso de pertencer, sempre que as súas voces valeran, á Masa Coral. En Xullo dese mesmo ano, convocouse a tódolos anotados nun principio a acudir á Casa da Cultura para a clasificación das voces.

Coincidindo có comezo do curso 96-97, empezaron tamén os primeiros ensaios nun aula do segundo andar da Casa de Cultura. Ensaiábase dúas veces á semana, unha por cordas e outra en conxunto.

A primeira canción que se ensaiou e montou foi “Nunca suenan las campanas” unha peza moi propicia para esa época (xa estaba preto o Nadal). Despois veu “¡Ay, linda amiga!”.

Así durante case un ano: creando repertorio, empastando voces ou adquirindo técnica individual. Alternando coa tarefa musical fóronse acordando certos detalles que tamén formaban parte do colectivo, como o nome, os estatutos ou os uniformes. Así naceu a Coral Polifónica Estradense, integrada no seo da Fundación Cultural da Estrada.

A presentación e a posta de largo deste colectivo ocorreu o 29 de xullo de 1997, durante as Festas Patronais de San Paio, na igrexa parroquial, pois o Teatro Principal inauguraríase en maio do 99.

Ramiro Sánchez García